Cínico
A antiga Grecia é coñecida polas súas escolas de filosofía. Unha destas era a escola dos Cínicos fundada por Antístenes de Atenas (444-365 a.C.). Cínico ven de Cinosarxes, Κυνόσαργες en grego, nome dun ximnasio nas aforas de Atenas, pois foi alí onde estableceu a escola. Cínico en grego é κυνικός, que deriva de κύων (can). Antístenes era seguidor de Sócrates e tomaba exemplo da natureza e dos animais. Exhortaba un pensamento individual e unha vida sinxela, autosuficiente e afastada dos praceres materiais. Dióxenes de Sínope “o Cínico” (404-323 a.C.) é a figura máis representativa do Cinismo. Era unha persoa moi áspera que vivía como un can, é dicir, durmía na rúa e comía o que lle dera a xente. Pero, a pesar diso, chegou a ser moi coñecido e apreciado polas máximas figuras do seu tempo. De Dióxenes quedáronnos peculiares frases como as seguintes: Un xoven díxolle: «todos rinse de ti», a isto Dióxenes respondeu: «Probablemente os asnos rinse de ti, pero a ti non che importa. Igual que a min non me importa os que se rin de min». Un día Dióxenes estaba sentado comendo un prato de lentellas. Neste momento chegou Aristipo, outro filósofo que traballaba para o rei e díxolle: «Mira, se ti traballases para o rei, non terías que comer lentellas». Dióxenes contestoulle: «Mira, se ti comeses lentellas, non terías que traballar para o rei». E a máis coñecida foi a que lle dixo a Alexandre Magno, cando este decidiu ir velo pois se interesara pola súa fama. Encontrouno tomando o sol e díxolle: -Pídeme calquera desexo. -¿Calquera cousa? respondeu Dióxenes. -Si -Pois entón móvete, que me estás tapando o sol. E ben, elixín esta palabra porque me encantan as persoas cínicas, pois “un cínico é unha persoa que está disposta a cuestionar calquera afirmación que pretenda ser certa, exixir coherencia na lóxica, claridade na definición e unha demostración adecuada”, polo tanto, trátase de persoas moi intelixentes e difíciles de enganar… quen non aspira a ser así?


Chúzao
del.icio.us
Non hai Comentarios »
Deixar un Comentario